Novas

Economía e Industria colabora na Feira de Mostras do Val do Lemos en Monforte

15-8-2012

A localidade de Monforte de Lemos acolle unha feira de artesanía na que participan 10 artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía da Xunta de Galicia e que poderá visitarse do 15 ao 19 de agosto no patio do Colexio dos Escolapios. A Consellería de Economía e Industria aposta por este tipo de eventos xa que contribúen á mellora da comercialización dos produtos da marca Artesanía de Galicia.

Hoxe inaugúrase a Feira de mostras do Val do Lemos na localidade luguesa de Monforte e conta co apoio da Consellería de Economía e Industria para a promoción da artesanía galega e o impulso da marca Artesanía de Galicia, propiedade da Xunta.

A mostra, organizada pola Asociación de Comerciantes de Monforte, poderá visitarse no patio do Colexio dos Escolapios, do 15 ao 19 de agosto, en horario de 10:00 a 13:00 e de 18:00 a 24:00 horas. Neste recinto expoñen as súas creacións 10 artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía da Xunta de Galicia e que contan co uso da marca Artesanía de Galicia, un sinal da calidade dos seus produtos e imaxe harmónica do feito na nosa comunidade.

As pezas que estarán expostas para a venda son representativas de oficios artesáns variados e interesantes: Pilar Rodríguez Gonda (En Lá), complementos téxtiles; Dolores López Vázquez, vidro; Alfonso Otero Regal, cerámica; Graciela Jiménez Azcoitia, cerámica e esmaltes; Tomás López González e Elías González Prieto, olería de Gundivós; Elena Ferro, zocos e complementos en coiro; Mestura de Kores, coiro; Rosa Higuero, xoiería; e María Carmen Álvarez Blanco; pintura.

Dentro do programa da Feira de mostras do Val do Lemos haberá actuacións e exhibicións de música e baile, ademais de xogos para os máis cativos. O conxunto do proxecto, a mostra de artesanía e as actividades paralelas, teñen como obxectivo dinamizar o sector comercial da comarca de Lemos e recuperar os oficios máis tradicionais.